Wednesday 01 de May de 2024

O Concello de Moeche dedica cerca de 36.000 euros á reparación de pistas en Abade, Labacengos e San Xurxo


O Concello de Moeche prosegue coas adxudicacións de obras unha vez constituída a Mesa de Contratación e presentada a documentación por parte das empresas. Esta mesma semana o Goberno municipal informaba do contrato das beirarrúas da contorna do Centro de Saúde, aprobada nunha Xunta de Goberno Local que tamén lle deu luz verde á reparación de varias pistas municipais cun investimento próximo aos 36.000 euros, impostos incluídos. Trátase dunha actuación conxunta coa que se renovará o firme en tres camiños de San Xurxo, Abade e Labacengos -cerca de 1,5 quilómetros en total-, ademais de mellorar a drenaxe dun tramo no Outeiro (San Xurxo) por medio do revestimento da cuneta e a instalación de novas canalizacións soterradas. Os traballos fináncianse cunha achega do POS+ 2023 e con fondos municipais.

Segundo o proxecto técnico, os traballos consistirán no estendido dunha nova capa de rodadura sobre a pista do Castelo de Arriba, en San Xurxo, o camiño do Castro até a Casanova (Abade) e o eixo que comunica Loira e A Veiga, en Labacengos.

En todos eles, como paso previo, levarase a cabo a limpeza do firme antigo e tamén o rasado das cunetas, de cara a retirar sedimentos e vexetación que poidan dificultar a correcta evacuación da auga da chuvia. Posteriormente corrixiranse baches e desperfectos co obxectivo de asegurar unha correcta adherencia do novo pavimento, unha superficie máis uniforme e, principalmente, que as pistas resistan ben o uso e o paso do tempo.

No tramo do Castelo de Arriba repararanse 305 metros cun ancho medio de 3 metros, no trazado entre o Castro e a Casanova limparase e asfaltarase de novo algo máis de medio quilómetro e no camiño que enlaza Loira coa Veiga serán outros 410 metros.

Canda estes labores, o proxecto tamén contempla a mellora da capacidade de drenaxe das beiravías no camiño do Outeiro, en San Xurxo. Revestirase con formigón unha distancia duns 95 metros e substituiranse tanto unha taxea como as tubaxes que cruzan a pista, coa finalidade de previr arrastres, a acumulación de sedimentos e o represado de escorrentías que poderían afectarlle á base do firme.

As obras saíron a contratación pública o pasado mes de maio por un prezo base de 38.125,30 euros -incluído o IVE- que se viu reducido na oferta ganadora, presentada por Excavaciones Saavedra y López cun importe de 35.990 euros e un prazo de execución máximo de catro meses. A tramitación administrativa do proxecto viuse ralentizada polos comicios municipais, posto que para poder avaliar as ofertas e formular a proposta de adxudicación houbo que agardar a que se constituíse a Mesa de Contratación que estará en vigor até 2027.